A ética do discurso: fundamentos de Habermas e Apel
1. A ética do discurso
A ética do discurso foi desenvolvida por J. Habermas e K. O. Apel e parte do feito de que as persoas argumentamos sobre normas e interesámonos por coñecer cales son moralmente correctas.
Argumentamos sobre se a insubmisión e a desobediencia civil son moralmente correctas, pero tamén sobre a distribución da riqueza e sobre a violencia. Nesas argumentacións podemos adoptar dúas actitudes distintas:
- Discutir sen ningún desexo de coñecer se a norma é correcta e se podemos chegar a entendernos.
- Tomar o diálogo en serio, porque nos preocupa o problema e queremos saber se podemos entendernos.
A primeira actitude converte o diálogo nun absurdo; a segunda fai que teña sentido e se converta nunha busca cooperativa da xustiza.
Obrigas do principio do diálogo
Isto é o que propón o Principio, o cal implica as seguintes obrigas:
- Leva o peso da proba cando che corresponda.
- Non fagas que o teu interlocutor leve o peso da proba cando non lle corresponda.
- Non utilices premisas non admitidas polos demais interlocutores para apoiar unha conclusión que queres que sexa admitida por todos.
- Define, aclara ou xustifica o significado dos termos que utilices sempre que cho pidan.
- Non intentes forzar prematuramente o peche do diálogo.
Regras da intervención no diálogo
Ademais hai que engadir un conxunto de regras nas intervencións do diálogo para que se poida alcanzar a verdade:
- Regra da cantidade. Proporciona tanta información como sexa necesaria para manter o teu punto de vista.
- Regra da calidade. Non digas o que creas que é falso e non trates de manter custe o que custe unha opinión da que non teñas probas abondas.
- Regra de relevancia. Centra as túas intervencións no asunto sobre o que se dialoga e non cambies de tema sen permiso.
- Regra de modo. Explícate con claridade, sen ambigüidades, con brevidade e ordenadamente.
A estas regras básicas hai que engadirlles algunhas outras segundo o contexto en que se desenvolva o diálogo.
Presupostos da argumentación racional
A ética do discurso intenta descubrir os presupostos que fan racional a argumentación e chega á conclusión de que calquera que pretenda argumentar en serio sobre normas ten que presupoñer:
- Que todos os seres capaces de comunicarse son interlocutores válidos. Por iso, os cumios internacionais ou as conversacións locais en que non participan todos os afectados nin se teñen en conta os seus intereses non son senón pantomimas.
- Que non calquera diálogo nos permite descubrir se unha norma é correcta.
Principios para validar unha norma
Para comprobar se a norma é correcta hai dous principios:
- O principio de universalización, que é unha nova formulación do imperativo kantiano: unha norma será válida cando todos os afectados por ela poidan aceptar libremente as consecuencias e efectos secundarios que se seguirían.
- O principio da ética do discurso, segundo o cal só poden pretender validez as normas que atopan aceptación por parte de todos os afectados.
O discurso que acabamos de describir é un discurso ideal, que se celebra no que Habermas denomina unha situación ideal de fala, moi distinta dos diálogos cotiáns.