A Economía de Entreguerras e o Crac de 1929
Efectos da Primeira Guerra Mundial
A guerra trouxo enormes custos financeiros. Un deles foi a excesiva creación de diñeiro, que provocou a súa depreciación e unha gran inflación (rápida alza dos prezos); outra consecuencia foi a débeda interna que tiveron os países belixerantes, a cal máis tarde se estendeu a unha débeda exterior.
O Boom Económico ata 1920
Este boom económico apareceu tras o remate da guerra (nos anos 1919-1920). Consistiu en que os países europeos afectados polo conflito tiveron que renovar diferentes bens (transportes, ferramentas...) para arranxar os danos estruturais provocados polo conflito bélico. Estes gastos foron realizados co sistema de créditos establecido na guerra, no que recibían préstamos baratos. Todo isto provocou unha inflación no mundo. Cabe dicir que potencias como os EE. UU., o Reino Unido, Xapón e o Canadá saíron moi beneficiadas.
Causas e Consecuencias da Ocupación do Ruhr
Esta ocupación débese á gran inflación sufrida en todo o mundo, especialmente en Alemaña, que para financiar as débedas da guerra creou unha cantidade excesiva de diñeiro. Isto deu como resultado o afundimento da súa economía e, como consecuencia, o país xermánico anulou os pagos que debía polo Tratado de Versalles. Tras isto, Francia e Bélxica ocuparon en xaneiro de 1923 a conca industrial do Ruhr, o que resultou ser un completo fracaso. Para Alemaña foi unha gran catástrofe, xa que a súa moeda perdeu todo o valor (hiperinflación).
Os Felices Anos 20 nos Estados Unidos
Nesta época o país experimentou unha gran produción industrial e unha gran cantidade de exportacións. Desenvolvéronse novas industrias (automóbil, eléctrica, química, aeronáutica...) e novas fontes de enerxía (petróleo, electricidade). Tamén se aplicaron novas formas de organización do traballo, como o taylorismo e a produción en cadea ou fordismo. Isto deu como resultado o abaratamento dos prezos e o incremento da man de obra. Nos anos vinte apareceu a publicidade, que estimulaba as compras e provocou un consumo de masas (prensa, radio, carteis) xunto con novos prazos de compra e facilidades de crédito.
Causas do Crac Bolsista
O afundimento da bolsa de Nova York detonou a crise económica:
- O crecemento da produción agraria e industrial foi maior que a demanda, o cal resultou nunha crise de sobreprodución.
- Outra causa foron as grandes especulacións dos estadounidenses con respecto ao crédito bancario investido na bolsa.
O Xoves Negro
O 24 de outubro de 1929 comezaron a descender con forza as cotizacións na bolsa, provocando o pánico entre os compradores. Este día puxéronse á venda arredor de 13 millóns de accións a prezos mínimos.
O Martes Negro
O 29 de outubro de 1929 foi o día no que se produciu a máxima caída das cotizacións bolsistas, cando Wall Street caeu por completo.
A Gran Depresión
O colapso da bolsa provocou o afundimento da economía americana, desembocando nunha prolongada crise coñecida como a Gran Depresión:
- Crise bancaria: Os bancos afundíronse porque os seus clientes retiraron todos os cartos que tiñan neles e moitos préstamos quedaron sen devolver.
- Desamparo social: Os EE. UU. non tiñan un sistema de axuda para os parados, que caeron na miseria.
- Crise agraria: Agravada pola escasa capacidade adquisitiva dos campesiños.
- Perda de capital: Destruíronse os aforros (arruináronse millóns de persoas) e reduciuse notablemente o crédito destinado ao consumo e ao investimento.