Dicionario de Conceptos Clave de Historia de España

Greek6.58 KB

Termos e Conceptos Fundamentais da Historia de España

Compilación de definicións clave sobre procesos económicos, sociais, políticos e culturais dende a Prehistoria ata a Idade Contemporánea:

Manso

Manso: Unidade de explotación familiar (casa e terras de cultivo) que o señor feudal cedía en usufruto a un colono libre ou a un servo a cambio de certas prestacións e censos. Xunto coa reserva señorial, constituían os elementos básicos de explotación dos feudos na Alta Idade Media.

Marca Hispánica

Marca Hispánica: Territorio ao sur dos Pirineos que nos séculos VIII e IX estivo controlado polos reis e emperadores francos, formando a fronteira entre o Imperio carolinxio e os territorios de al-Ándalus. Estivo gobernada por condes designados polos reis francos, pero ao longo do século IX estes foron gañando unha crecente autonomía ata formar condados e reinos independentes (por exemplo: Pamplona, Aragón, Sobrarbe, Ribagorza, Xirona ou Barcelona).

Megalitismo

Megalitismo: Tipo de construcións formadas por grandes pedras ou megálitos que se desenvolveron entre o Neolítico avanzado e a Idade do Bronce. Entre as súas tipoloxías destacan:

  • Dolmen ou anta: sepulcros formados por unha cámara con ou sen corredor.
  • Mámoas: túmulos de terra sen construción interior.
  • Pedrafitas ou menhires: monólito fincado verticalmente no chan.
  • Crómlech: conxunto de menhires formando un círculo.

Mesta

Mesta: Organización dos gandeiros do reino de Castela fundada en 1273 polo rei Afonso X. Estaba rexida polo Consello da Mesta, poderosa institución ao servizo dos grandes gandeiros e da propia Coroa, que se beneficiaba das taxas pagadas pola exportación da la. Os privilexios dos gandeiros orixinaron numerosos conflitos cos agricultores. Foi abolida definitivamente en 1836.

Motín de Esquilache

Motín de Esquilache: Revolta que tivo lugar en Madrid en marzo de 1766, cando un dos ministros de Carlos III (o marqués de Esquilache) decretou a prohibición de empregar capas longas e sombreiros de aba ancha baixo o argumento de que o embozo permitía o anonimato e a facilidade para ocultar armas, estendéndose a revolta por diversas cidades e vilas. A verdadeira causa do conflito era o descontento social pola suba do prezo do pan e a orixe italiana deste ministro, quen acabou sendo destituído.

Mourisco

Mourisco: Denominación dada aos musulmáns obrigados a converterse ao cristianismo na España de principios do século XVI (1502 en Castela, 1518 en Aragón e 1526 en Valencia). A conversión forzosa poñíalle fin á presenza musulmá en España, pero moitos deles mantiveron a súa lingua, vestimentas e costumes, situación que levou á súa expulsión definitiva por parte de Felipe III en 1609.

Mozárabe

Mozárabe: Cristián que vivía baixo dominio musulmán en al-Ándalus. A cambio de conservar a súa fe e os seus costumes tiñan que pagar elevados impostos, polo que moitos se desprazaron ao norte da Península Ibérica para vivir nun territorio controlado polos reis cristiáns ou acabaron converténdose ao islam.

Paz de Utrecht

Paz de Utrecht: Conxunto de tratados de paz asinados entre 1713 (na cidade holandesa de Utrecht) e 1714 (na cidade alemá de Rastatt), que puxeron fin á chamada Guerra de Sucesión Española. Neles recoñeceuse a Felipe V como rei de España por parte das potencias implicadas a cambio de substanciais cesións territoriais e determinadas vantaxes comerciais; entre outras, Gran Bretaña obtiña Xibraltar e Menorca, un «navío de permiso» para comerciar con América e o «asento de negros».

Pragmática Sanción de 1830

Pragmática Sanción de 1830: Lei promulgada por Fernando VII en marzo de 1830 que supuxo a posta en vigor da Pragmática Sanción de 1789 de Carlos IV. Esta anulaba o Auto Acordado de 1713 de Felipe V (que imposibilitaba ás mulleres acceder ao trono), restablecendo o sistema de sucesión tradicional das Sete Partidas de Afonso X, segundo o cal as mulleres podían reinar se non tiñan irmáns varóns. Pola súa posta en marcha, Fernando VII recoñecía como herdeira directa á súa filla Isabel.

Presura

Presura: Forma inicial de repoboación organizada polos cristiáns a partir de finais do século VIII para ocupar as terras ermas, pouco poboadas ou que se ían reconquistando aos musulmáns. Os reis autorizaban a establecerse nun determinado territorio, que pasaba a ser propiedade de quen o ocupase e explotase. Houbo dúas modalidades principais:

  • Presura oficial: desenvolvida directamente polo rei ou polos seus delegados.
  • Presura privada: efectuada por nobres, eclesiásticos ou familias de campesiños libres.

Pronunciamento

Pronunciamento: Acto de sublevación por parte do exército no que unha sección deste inicia un levantamento e se pronuncia publicamente en contra do goberno de quenda. Os primeiros pronunciamentos déronse durante o reinado de Fernando VII, cando unha parte do exército esixiu a substitución da monarquía absoluta por unha monarquía liberal inspirada nos principios da Constitución de Cádiz de 1812, converténdose nun recurso habitual ao longo de todo o século XIX.

Pucheirazo

Pucheirazo: Método fraudulento de manipulación electoral característico da Restauración borbónica en España para asegurar a alternancia política pactada previamente entre o Partido Conservador e o Partido Liberal (o coñecido como «a quenda pacífica»). Consistía na substitución masiva e irregular dos votos emitidos no «pucheiro» ou urna electoral en beneficio directo do candidato oficial designado.

Regalismo borbónico

Regalismo borbónico: Doutrina e política que no século XVIII iniciou Felipe V e continuaron Fernando VI e Carlos III, coa cal se pretendía limitar o poder da Igrexa (e acrecentar o absolutismo monárquico), afirmando a superioridade da autoridade rexia sobre a autoridade eclesiástica. Procuraba a creación dunha Igrexa sometida á Coroa a través do control dos nomeamentos dos altos cargos eclesiásticos, a fiscalización dos seus efectivos e riquezas, e a regulación da publicación e divulgación dos documentos papais dentro do propio reino.

Download

PDF Word HTML