Conquista romana e réxime feudal na Península Ibérica
Conquista e romanización da Península Ibérica
A conquista romana da península ibérica iniciouse a finais do século III a.C. e rematou no I a.C., un proceso que foi paralelo á romanización ou asimilación da cultura e modo de vida romano polos pobos prerromanos.
Etapas da conquista romana
Desenvolveuse en catro fases principais:
- 218-206 a.C.: Ocupación da franxa mediterránea e o val do Guadalquivir, no contexto da Segunda Guerra Púnica contra Cartago.
- 197-177 a.C.: Ampliación da área cara ao interior peninsular mediante as campañas de Catón e Sempronio Graco.
- 154-133 a.C.: Avance sobre a Meseta e o litoral atlántico. Resistencia dos lusitanos con Viriato e dos celtiberos en Numancia. Décimo Xuño Bruto, o Galaico, atravesa o río Limia (137-136 a.C.) e Xulio César dirixe unha expedición desde Gades que chega ata Brigantium (actual A Coruña, 61-60 a.C.).
- 29-19 a.C.: Derrota dos cántabros, ástures e galaicos durante as guerras cántabras, dirixidas polo emperador Octavio Augusto. Fin da conquista.
Elementos da romanización
A intensidade da romanización non foi uniforme, sendo máis intensa nas zonas que primeiro foron conquistadas e naquelas onde os romanos crearon cidades:
- Organización político-administrativa do territorio: Para asegurar o control do territorio, a explotación das fontes de riqueza, administrar xustiza e recadar impostos, os romanos estableceron diferentes unidades político-administrativas. As provincias (dirixidas por un gobernador nomeado por Roma que englobaban a varios conventus e civitates) variaron co tempo desde as dúas iniciais (Ulterior e Citerior) ata as seis finais do século IV (Baetica, Lusitania, Tarraconensis, Carthaginensis, Gallaecia, Baleárica), que formaban a Diocese das Hispanias. Os conventus eran unidades administrativas de carácter xudicial, de recadación de impostos e de recrutamento de tropas; o Conventus Lucensis corresponde basicamente coa Galicia actual. As civitates eran as unidades básicas do sistema romano, formadas polo núcleo urbano e un territorio circundante, e podían ser de varios tipos segundo o seu estatuto xurídico (colonias, municipia). Na actual Galicia destaca a cidade de Lucus Augusti (Lugo).
- Lingua e cultura: Os conquistadores impuxeron a súa lingua, o latín, sobre as linguas autóctonas, e da súa evolución xurdirán as linguas románicas (galego, castelán, catalán). A cultura romana foi asimilada polos pobos prerromanos con diferente intensidade, así como a relixión oficial e o cristianismo, que se estendeu con rapidez na Península a pesar das persecucións ordenadas polos emperadores e da aparición das primeiras herexías, entre as que destacou a dos priscilianistas.
- Obras públicas: Son numerosos os restos conservados: calzadas, acuedutos (Segovia), pontes (Alcántara no Texo, Bibei no río do mesmo nome), teatros e anfiteatros (Mérida, Itálica, Tarragona). As murallas de Lugo —o mellor recinto conservado do Imperio— e a Torre de Hércules —o faro máis vello do mundo en funcionamento— foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
O réxime feudal e o poder político
O réxime feudal foi o sistema socioeconómico e político vixente na Idade Media baseado nas relacións de vasalaxe. O rei era o señor supremo dun territorio, a quen todos lle debían obediencia e fidelidade, pero a cambio tiña que outorgar aos seus vasalos un beneficio ou feudo (terras e/ou dereitos xurisdicionais). Á súa vez, os grandes nobres empregaban este tipo de relacións con outros de inferior categoría, formándose así unha pirámide de dependencia (pirámide feudal). De acordo con estas obrigacións feudais, cada nobre importante dispuña dun exército particular de vasalos ao seu servizo, e o exército do rei estaba formado pola unión desas mesnadas particulares dos nobres e eclesiásticos.
O monarca era o dono do reino (monarquía patrimonial) e exercía a soberanía (de orixe divina) e a autoridade suprema, pero compartía cos señores o exercicio do poder e da xustiza que estes administraban nas súas terras e señoríos (monarquía feudal), e debía gobernar respectando os privilexios forais dos reinos e cidades. Na Coroa de Castela dominou a concepción autoritaria do poder (agás nos señoríos vascos), pero na de Aragón a concepción pactista, é dicir, o rei e o reino mantiñan un pacto polo cal se reinaba de acordo cos privilexios dos diferentes reinos que formaban a Coroa de Aragón.
A sociedade estamental medieval
A sociedade cristiá medieval foi unha sociedade estamental na que os individuos estaban ordenados en grupos, estados ou estamentos, de acordo coa función que desenvolvían: loitar, rezar ou traballar. Nesta sociedade predominaban os lazos de dependencia persoal fronte aos vínculos de carácter público e os seus membros eran legalmente desiguais: uns grupos posuían privilexios e vantaxes xurídicas e outros non.
Os grupos privilexiados
Estaban formados polos nobres e os eclesiásticos. Posuían honores e títulos, non pagaban tributos, tiñan leis e tribunais especiais e exercían o poder e a xustiza sobre os demais. Eran os señores e fundamentaban a súa posición de dominio e privilexio na dedicación ao exercicio das armas ou á oración (consideradas como actividades superiores). Entre eles existían grandes diferenzas honoríficas e económicas, tanto entre a alta nobreza (duques, condes) e a baixa (fidalgos), como entre o alto clero (abades, bispos) e o baixo clero (curas e monxes).
O estamento non privilexiado e relacións sociais
O grupo dos non privilexiados estaba composto polo resto da poboación: campesiños, artesáns, comerciantes, burgueses, etc. Formaban o estamento dos pecheiros porque pagaban os peitos ou impostos. A súa situación variou co paso do tempo:
- Antes do século X: Estivo composto fundamentalmente polos labradores, diferenciándose entre os campesiños libres, propietarios de pequenas parcelas, e os colonos ou servos, que estaban adscritos á terra que traballaban (non a podían abandonar sen permiso) e debían realizar diversas prestacións e servizos aos seus señores.
- Despois do século X: Co renacemento urbano e das actividades comerciais, xurdiron novos grupos nas cidades e vilas: menestrais, artesáns e comerciantes; todos eles formaron o grupo dos burgueses (habitantes dos burgos).
Foi moi frecuente que moitos campesiños libres buscasen a protección dun nobre, dunha igrexa ou dun mosteiro. Estes vínculos de dependencia coñécense co nome de relacións de encomenda. A cambio de protección e defensa, os pequenos propietarios rurais encomendaban a súa persoa, a súa familia e os seus bens a un señor, entregándolle todas ou parte das súas terras ou pagándolle unha taxa anual.
Entre os grupos marxinais e minoritarios atopábanse os xudeus, dedicados ás actividades artesanais e mercantís, e os mudéxares; ambos os colectivos vivían nas cidades en barrios separados (xuderías e mourerías).