Condición, Técnica, Natureza e Arete na Filosofía Grega
1. Aclarar o sentido da noción de condición especificando os seus tipos
En xeral, chamamos noción de condición a aquilo que fai posible a existencia ou o concepto dunha realidade. Existen dous tipos de condicións:
- a) Condición suficiente: aquilo que se basta por si mesmo para producir realmente unha cousa ou para permitir a concepción coherente dunha cosa.
- b) Condición necesaria: aquilo que é imprescindible para que unha realidade poida existir ou para poder ser concibida.
2. Aclarar a noción grega de técnica e en que sentido podemos afirmar que o saber técnico-produtivo ten o seu fin na obra realizada
A técnica é o procedemento ou conxunto de operacións ensinables que, ao ser aplicadas mecanicamente a unha certa materia, permiten obter como resultado a elaboración ou produción dun obxecto.
O saber técnico-produtivo ten o seu fin na obra realizada, xa que o saber técnico remata cando se remata a obra ou a súa realización, sen implicarse nin na súa utilización nin na súa explicación.
3. A concepción aristotélica da natureza
Aristóteles define o ámbito da natureza (physis) contraponéndoo co ámbito da técnica (tekhne). Aclarar o que teñen en común e en que se diferencian ambos os dous ámbitos
Segundo esa contraposición, a natureza defínese como o ámbito das cousas que teñen en si mesmas e por si mesmas o principio (ou fundamento) do seu propio chegar a ser, do seu movemento e repouso. Fronte a isto, a técnica defínese como o ámbito das cousas que teñen o principio do seu propio chegar a ser fóra de si mesmas, no saber ou habilidade do técnico que as produce e as leva a ser.
Ambos coinciden en que nos dous ámbitos hai un principio teleolóxico (organizador) que actúa cara á consecución dunha finalidade, que é a que lle dá sentido. Difiren no punto desde o que actúa o seu principio organizador: a natureza actúa desde dentro da realidade das cousas naturais, e a técnica actúa desde o saber do técnico ou artesán que as produce.
4. Aclarar o sentido da noción grega de arete
Arete viña significando un conxunto de propiedades que capacitan a unha realidade para o desempeño dunha función ou tarefa. Tivo dous sentidos no grego antigo:
- a) En primeiro lugar, significaba excelencia ou nobreza, a calidade distintiva dos nobres, dos aristoi. Designaba, polo tanto, unha calidade distintiva e exclusiva dun grupo social. Esta calidade poñíase de manifesto a través de dous atributos: a forza física, que capacita para vencer ao inimigo na batalla, e o dominio da palabra, que capacita para convencer ao amigo na asemblea de cidadáns.
- b) Estes dous atributos remiten a algo que fai que alguén resulte eficaz no cumprimento dunha tarefa, a algo que o fai capaz de realizar con éxito unha función; por iso a palabra arete pasou a significar eficacia.
Con este novo significado, a palabra arete se democratiza: deixa de designar unha calidade exclusiva dun grupo social e pasa a designar unha calidade que pode ter calquera que se propoña a realización dunha tarefa.
5. A noción de virtude (arete) entendida como eficacia designa unha calidade dobremente relativa. Aclarar por que
En primeiro lugar, porque a eficacia se define sempre por relación a un fin determinado (xa que non sinala unha propiedade que alguén poida ter en termos absolutos e considerado illadamente e en si mesmo, senón que alguén só pode adquirir por relación a unha certa función que se propoña realizar).
En segundo lugar, porque a eficacia depende sempre do coñecemento previo tanto da tarefa ou función que un se propoña realizar como dos medios de que dispón para realizala, o que implica que a eficacia só se adquire en base á relación con este coñecemento.