Conceptos de Xeografía Económica: Sectores Agrario e Industrial

Greek7.38 KB

Tema 5: O Sector Primario e o Espazo Rural

Acuicultura

Acuicultura: (do latín aqua: auga; e -cultura: cultivo) é a cría ou cultivo de organismos acuáticos vexetais ou animais mariños ou de auga doce, destinados á alimentación humana ou animal. Estase a fomentar como alternativa ao esgotamento dos caladoiros. Destaca o cultivo de mexillón en Galicia, e a troita entre os produtos continentais. Os problemas son os elevados custos, as enfermidades dos animais e a contaminación das augas.

Agricultura ecolóxica

Agricultura ecolóxica: É un sistema de produción de alimentos, baseado no respecto do medio ambiente, do benestar animal e do mantemento e mellora da fertilidade do solo. Empréganse prácticas agrícolas que fomentan o equilibrio do ecosistema, evitando ou excluíndo a case totalidade de produtos químicos, como fertilizantes, produtos fitosanitarios…; recorrendo a outras técnicas como a rotación e asociación de cultivos, o emprego de abonos verdes, o control biolóxico de pragas e o aumento da biodiversidade mediante o establecemento de sebes e o mantemento da vexetación dentro das parcelas. O seu maior problema é que os prezos son superiores aos da agricultura maioritaria. En Galicia existe unha denominación de orixe controlada polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

Denominación de orixe

Denominación de orixe: Trátase dunha cualificación que se emprega para protexer legalmente certos alimentos que se producen nunha zona determinada. Os produtores que se acollen á denominación de orixe comprométense a manter a calidade e certos usos tradicionais na produción. Un organismo público regula o funcionamento das denominacións. En teoría, garante ao consumidor un nivel de calidade e unhas características específicas. Resulta cada vez máis frecuente en produtos agrarios (viños, carnes, legumes, queixos, doces…).

Desagrarización

Desagrarización: Proceso de perda relativa da importancia do sector agrario no conxunto da economía e na poboación activa. En España este proceso iniciouse nos anos sesenta do século XX, co desenvolvemento económico e a mecanización. O proceso provoca a perda de poboación rural e o aumento da urbana. En toda España tense producido este proceso, especialmente desde finais dos anos sesenta. Actualmente a poboación agraria representa menos do 5% da poboación activa.

Explotación intensiva

Explotación intensiva: Sistema de produción agraria que fai uso intensivo dos medios de produción, tanto na man de obra como na mecanización e uso de fitosanitarios. Localízase sobre unha superficie reducida de terreo. Os seus rendementos son moi altos, pero ten consecuencias negativas para o medio ambiente. A explotación agraria intensiva elimina os barbeitos e recorre á produción continua do terreo, estimulada polo emprego de fertilizantes, por exemplo, na horticultura, que, dadas as condicións naturais e climáticas do noso territorio, permite unha produción a finais de inverno e comezos de primavera, susceptible de exportarse a outros países europeos que non teñen as mesmas condicións climáticas. É moi habitual no litoral mediterráneo, especializado na horticultura.

Política Pesqueira Comunitaria (PPC)

Política Pesqueira Comunitaria (PPC): Trátase da política pesqueira da Unión Europea. Establece cotas para limitar a cantidade de peixe de cada especie que poden capturar os membros e intervén no mercado. Forma parte da Política Agrícola Común (PAC). Os obxectivos son evitar a pesca excesiva, garantir un nivel de vida digno aos pescadores, o abastecemento dos consumidores e da industria a prezos razoables e a explotación sostible dos recursos.

Silvicultura

Silvicultura: (do latín silva: selva, bosque; e cultura: cultivo) é o cultivo dos bosques ou montes e tamén a ciencia que trata deste cultivo. Forman parte do seu campo a técnica de crear ou conservar un bosque, e a teoría e a práctica de regular o establecemento dunha masa arbórea, a súa composición e desenvolvemento; para iso apóiase noutras ciencias como a climatoloxía, a edafoloxía, a botánica…

Tema 6: Industria, Enerxía e Desenvolvemento

Enerxías renovables

Enerxías renovables: Son aquelas que se obteñen de fontes naturais virtualmente inesgotables, ben sexa pola inmensa cantidade de enerxía que conteñen, ben porque son capaces de rexenerarse por medios naturais. Entre as enerxías renovables cóntanse a hidroeléctrica, eólica, solar, xeotérmica, maremotriz, a biomasa e os biocombustibles.

Fondos estruturais

Fondos estruturais: Son os fondos da Unión Europea (UE) que serven para financiar as actividades que teñen como finalidade reducir as diferenzas de desenvolvemento entre as rexións europeas. O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) é o máis importante e compleméntase con outros como o Fondo Social Europeo (FSE) para promover a formación, o Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola (FEOGA) para o desenvolvemento rural…

Ademais, un fondo especial de solidariedade, o Fondo de Cohesión, financia proxectos relacionados co medio ambiente e coa mellora das infraestruturas de transporte nos Estados membros cun PIB inferior ao 90% da media comunitaria.

Subcontratación

Subcontratación: Contratación dunha empresa por outra para que realice unha parte do proceso produtivo seguindo as indicacións, características e prazos que se lle impoñen. Utilízase a miúdo por grandes empresas para abaratar custos ou porque buscan pemes (pequenas e medianas empresas) especializadas nunha tarefa.

Industrias verdes

Industrias verdes: Aquelas que buscan a redución da contaminación nos procesos de produción, distribución e consumo. Por exemplo, reciclan ou reutilizan algún tipo de material como o cartón, papel, plástico; reducen ao mínimo as emisións de gases de efecto invernadoiro, dispoñen de plantas depuradoras das augas, desenvolven proxectos de reforestación…

Materias primas estratéxicas

Materias primas estratéxicas: Son aqueles recursos que se extraen da natureza para ser transformados pola industria, e que se consideran básicos para o desenvolvemento da actividade económica. En especial para as industrias de alta tecnoloxía, que non teñen ou teñen poucos produtos substitutivos: coltán (para armas, ordenadores, móbiles…); manganeso (aceiro inoxidable); cobalto (industria aeroespacial); cobre (industria eléctrica), hidrocarburos…

Parque tecnolóxico

Parque tecnolóxico: Espazo industrial creado por iniciativa pública co fin de atraer empresas dos sectores punteiros das novas tecnoloxías, favorecendo a investigación e a interacción entre elas. Son espazos de gran calidade ambiental localizados en zonas ben comunicadas e teñen unha estreita vinculación cos centros universitarios e de investigación (I+D+i: investigación máis desenvolvemento máis innovación). En España concéntranse no contorno das grandes cidades e nos eixes industriais máis dinámicos (Tres Cantos en Madrid, Vallès en Cataluña, Zamudio no País Vasco).

Download

PDF Word HTML