Conceptos Clave de Xeografía Humana e Física en Galicia
Conceptos Clave de Xeografía
Demografía e Poboación
Poboación activa É aquela que está comprendida entre os 16 e os 65 anos que está ocupada ou en paro. Quedan excluídos dentro deste sector de idade aquelas persoas que son estudantes, amas de casa, pensionistas por razóns de invalidez, os discapacitados e os rendistas. Esta taxa en España medrou coa incorporación da muller ao mundo laboral e a chegada dos inmigrantes entre mediados da década dos 90 e o 2008.
Esperanza de vida Son os anos que se espera que viva unha persoa nacida nun país de acordo co sistema médico sanitario existente no momento de nacer. No caso español esta taxa foi incrementándose ao longo do s. XX desde os 35 anos ata chegar á actualidade, onde temos unha das taxas máis altas do mundo: 83 anos (85 anos para as mulleres e 80 para os homes). O estilo de vida, o modelo alimentario e o estado do sistema sanitario explican estas taxas tan altas.
Réxime demográfico Cada etapa pola que pasa a evolución do movemento natural dunha poboación, na que a natalidade, a mortalidade e o crecemento natural presentan características homoxéneas.
Crecemento vexetativo ou natural É o resultado de poñer en relación o número de nacidos menos o número de falecidos nun país ao longo dun ano. No momento actual en España este crecemento é negativo, por posuír unha taxa de natalidade moi reducida e presentar unha taxa de mortalidade incrementada como consecuencia do aumento do número de persoas vellas, derivado do envellecemento tras a redución da fecundidade nos últimos 40 anos.
Saldo migratorio Balance que existe entre a inmigración e a emigración nun determinado lugar. Cando o saldo migratorio é positivo (hai máis inmigrantes ca emigrantes), a poboación aumenta; cando o saldo migratorio é negativo (hai máis emigrantes ca inmigrantes), a poboación diminúe.
Inverno demográfico: Situación que se produce actualmente en países que están no réxime demográfico moderno, con taxas de fecundidade por debaixo da taxa de reposición (2,1 fillos por muller), o que provoca un envellecemento da poboación e a necesidade de favorecer a inmigración de cara a cubrir os postos de traballo necesarios para o funcionamento da economía. Esta problemática é significativa nos países máis avanzados da UE e Xapón, así como tamén en Rusia.
Área metropolitana Rexión urbana que engloba unha cidade central que dá nome á área e unha serie de cidades satélite que poden funcionar como cidades dormitorio, industriais, comerciais e de servizos, todo organizado de xeito centralizado.
Urbanismo e Territorio
Xentrificación Proceso de transformación urbana no que a poboación orixinal dun sector ou barrio deteriorado e con pauperismo é progresivamente desprazada por outra dun maior nivel adquisitivo, á vez que se renova. O termo é un neoloxismo que procede do inglés "gentrification".
PXOM Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU). Instrumento de ordenación integral do territorio. Contén a clasificación do solo, a definición dos elementos fundamentais da estrutura xeral do territorio (como poden ser a fixación dos espazos libres, de equipamento comunitario, os sistemas xerais de comunicación, etc.), o desenvolvemento, a execución e a vixencia do plan. Adoita ser municipal, Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Cidade difusa Modelo de desenvolvemento urbano de inspiración anglosaxona, que se caracteriza por unha expansión do tecido urbano, con menor densidade de edificación, ao longo das áreas metropolitanas e contornas rururbanas. Na súa superficie configúranse áreas segregadas, especializadas en funcións residenciais, comerciais e industriais. A "ideoloxía clorofila" dominante a finais do século XX expandiu este modelo en España, que se adaptaba tradicionalmente ao modelo de cidade compacta mediterránea.
Cidade en 15 minutos Modelo de planificación urbanística sostible, lanzado na COP21 de París (2015), e caracterizado por promover un deseño urbano que facilite o acceso ás necesidades básicas (traballo, vivenda, alimentación, saúde, educación, cultura e lecer) baseado na proximidade e nos desprazamentos a pé ou en bicicleta, menos contaminantes. Outro modelo sostible é tamén o das "supermazás" postas en práctica na cidade de Barcelona.
Clima e Relevo
Barlovento Aba dun relevo montañoso que, pola súa orientación respecto ao vento dominante, queda exposta ao fluxo ascendente do aire. A aba de sotavento, pola contra, queda exposta ao fluxo descendente.
Aridez Termo que indica sequidade e falta de humidade. O índice de aridez establece a relación entre as chuvias e o poder desecante da evaporación, representada polas temperaturas.
Cuncas sedimentarias Zonas afundidas formadas na era terciaria e cheas de sedimentos de calcaria, arxila, areniscas e margas. Son relevos horizontais ou suavemente inclinados, porque non foron afectados por orogénesis posteriores.
Ría Val fluvial sumerxido baixo o nivel do mar a causa da elevación deste. A orixe xeomorfolóxica está relacionada cun asolagamento do val fluvial vinculado a movementos isostáticos e a un afundimento tectónico asociado á rede de fracturas preexistentes.
Zócolo Chaira ou meseta formada na era primaria ou paleozoica como resultado do aplanamento, pola erosión, de cordilleiras xurdidas nesta era. Os materiais paleozoicos son rochas silíceas: granito, lousa, cuarcita e xistos. Son ríxidas e, ante novos empuxes orogénicos, fractúranse ou rompen.
Paisaxe A Convención Europea da Paisaxe a define como calquera parte do territorio, tal e como é percibida polas poboacións, cuxo carácter resulta da acción de factores naturais ou humanos e das súas interrelacións. En todo caso, é o aspecto visual que ofrece un territorio. Depende dos elementos naturais que o integran e das actividades humanas que se desenvolven nel. Clasifícanse habitualmente en naturais ou humanizadas, aínda que a maioría son mixtas.
Aluvión Depósito de materiais detríticos, transportados e depositados de xeito transitorio ou permanente por unha corrente de auga. Habitualmente está composto por areas, gravas, arxilas ou limos, acumulándose nas canles das correntes, nas chairas inundables e nos deltas.
Meseta Superficie plana de gran extensión, horizontal ou lixeiramente ondulada, elevada con respecto ao nivel do mar. Apenas presenta accidentes topográficos de importancia, e os seus rebordos poden ser montañosos. En España é a unidade principal do relevo peninsular, resto do antigo macizo xurdido na orogenia herciniana, que foi arrasado pola erosión e afectado e deformado polo movemento alpino, que fixo xurdir os seus sistemas interiores e os rebordos montañosos.
Tectónica de placas Teoría que explicou a deriva continental e outros fenómenos. A superficie exterior da Terra consiste en aproximadamente dez bloques ou placas ríxidas. Estas transportan os continentes e os fondos oceánicos, están en constante movemento e son a causa de moita actividade xeolóxica (formación de montañas, volcáns e terremotos). As placas sofren tres tipos básicos de movementos: sepáranse, converxen e deslízanse.
Cordilleiras de pregamento Son grandes elevacións montañosas xurdidas na orogénese alpina da era terciaria polo pregamento de materiais sedimentarios, fundamentalmente calcarios, depositados polo mar na era secundaria. Na actualidade presentan fortes pendentes e formas escarpadas, xa que, pola súa relativa xuventude, a erosión aínda non as suavizou.