O Cambio Dinástico e a Guerra de Sucesión Española

Greek4.94 KB

Introdución: O cambio dinástico

En 1700, o derradeiro monarca da casa de Austria, Carlos II, morreu sen descendencia. Os candidatos para ocupar o trono, polos seus vínculos familiares, eran fundamentalmente Felipe de Anjou (neto de Luís XIV de Francia e da princesa española María Teresa de Austria) e o arquiduque Carlos de Habsburgo (fillo do emperador de Austria). O testamento de Carlos II designaba como o seu sucesor ao candidato Borbón, que foi proclamado rei baixo o título de Felipe V.

Causas da guerra e bandos en conflito

O nomeamento do novo monarca provocou un conflito tanto na esfera internacional como no interior de España.

Esfera internacional

No ámbito internacional provocouse un grave conflito para o equilibrio entre as diferentes potencias europeas. O acceso dun Borbón á coroa española fortalecía esta dinastía no marco europeo, posto que tamén gobernaba en Francia con Luís XIV no trono.

Como é lóxico, Austria levantouse polo interese sucesorio directo e rapidamente Gran Bretaña, Holanda e Portugal —ás cales se sumou posteriormente o ducado de Savoia— declaráronlle o seu apoio ao candidato austríaco e entraron en guerra contra Francia e España. A sucesión ao trono español pasou así de ser un conflito interno a un grave problema internacional.

Interior de España

A cuestión sucesoria tamén dividiu os territorios peninsulares. Castela amosouse fiel a Felipe V, coa excepción de parte da gran nobreza, temerosa de perder influencia ante o absolutismo borbónico. Pola súa banda, a Coroa de Aragón —especialmente Valencia e Cataluña— apoiou maioritariamente ao candidato austríaco, motivada polo mal recordo deixado polas tropas francesas en Cataluña durante o levantamento de 1640 e polo medo ou temor a perder o seu poder ante as tendencias centralizadoras e uniformizadoras. O enfrontamento derivou nunha auténtica guerra civil que durou case unha década.

Desenvolvemento do conflito

A guerra iniciouse en 1702 (despois de asinarse o Tratado da Haia o ano anterior entre as potencias opostas aos Borbóns) e durou algo máis dunha década.

O enfrontamento estendeuse por toda Europa con vitorias e derrotas para ambos os dous bandos. Os ingleses conquistaron Xibraltar (1704) e o arquiduque Carlos ocupou Cataluña, Valencia e as Baleares (1705). As tropas austríacas chegaron incluso a alcanzar Madrid, onde o pretendente se proclamou rei, aínda que abandonou axiña a capital debido a que nin o pobo nin a nobreza lle amosaron o seu apoio.

A partir das batallas de Almansa (1707), Brihuega e Villaviciosa (1710), a sorte da guerra inclinouse a favor das tropas francoespañolas. Porén, foi fundamentalmente a partir de 1711 cando se iniciaron as conversas para lograr a paz: tras a morte do emperador de Austria, Xosé I, o arquiduque Carlos converteuse no herdeiro do Imperio. O perigo dunha hexemonía de Austria pasou a ser tan temido en Europa como o dunha hexemonía borbónica. Deste xeito, os ingleses propiciaron as negociacións e manifestaron o seu interese en recoñecer a Felipe V como rei de España.

A Paz de Utrecht (1713)

A paz asinouse a través do Tratado de Utrecht (1713) e do Tratado de Rastatt (1714). O recoñecemento de Felipe V como rei de España produciuse a cambio de importantes concesións territoriais e comerciais:

  • Austria quedaba cos Países Baixos, Nápoles, Milán e Sardeña.
  • Gran Bretaña obtiña Xibraltar e Menorca, un navío de permiso para comerciar con América (rachando o monopolio comercial español) e o asento de negros (exclusiva no abastecemento de man de obra escrava nas colonias españolas).
  • Holanda recibía prazas de seguridade na fronteira cos Países Baixos.
  • Savoia recibía Sicilia.
  • Portugal recibía a Colonia do Sacramento (no actual Uruguai).
  • Prusia vía o seu ducado recoñecido como reino.

Cando se asinou o tratado, unicamente resistían Barcelona, algunhas outras cidades catalás e as illas Baleares, que foran abandonadas polo arquiduque. O 11 de setembro de 1714, as tropas de Felipe V tomaron Barcelona, e en 1715 ocuparon Mallorca.

O respaldo dos reinos da Coroa de Aragón á causa dos Habsburgo supuxo a eliminación dos seus foros e privilexios a través dos Decretos de Nova Planta (Valencia en 1707, Mallorca en 1715 e Cataluña en 1716). Iniciouse así o proceso uniformizador e centralizador propio do reformismo borbónico.

As consecuencias do Tratado de Utrecht fixeron que España pasase a ser considerada unha potencia de segunda orde no panorama europeo a partir do século XVIII.

Download

PDF Word HTML