O Berro de Munch e A Raia Verde de Matisse: Análise da Arte Expresionista e Fauvista

Greek5.21 KB

O berro de Edvard Munch

Título: O berro
Autor: Munch, Edvard (1863-1944)
Cronoloxía: 1893
Estilo: Precedente do expresionismo
Técnica: Óleo e témpera
Soporte: Cartón
Localización actual: Nasjonalgalleriet, Oslo.

A traxectoria vital de Munch estivo marcada polo sufrimento e a morte desde a súa infancia. A súa nai, irmá e pai morreron de tuberculose. Non é estraño que acabase crendo que o sufrimento era unha maldición hereditaria da súa familia.

Tema

Un pobre ser humano, en primeiro plano, emite un berro de angustia que parece transmitirse a toda a redonda, ata as dúas persoas que, no outro extremo da ponte, seguen paseando alleas ao sucedido.

Elementos plásticos

O malestar vital do protagonista exterioriza a través das curvas presentes en todo o cadro. Pola contra, a ponte, a súa varanda en diagonal e as dúas figuras humanas que, ao fondo, pasean por ela, están debuxados con liñas rectas. O uso predominante de tonalidades irreais de vermello, azul e negro contribúe a realzar, así mesmo, o sentimento de sufrimento e a angustia do individuo. O ceo crepuscular reclama a atención pola súa combinación de vermellos e laranxas.

Composición

En primeiro plano, un individuo leva as mans á cabeza e abre a boca para berrar con toda a súa enerxía e expresar a súa angustia. O personaxe principal permanece quieto mentres as outras dúas figuras humanas pasean indiferentes no outro extremo da ponte. Mais alá da ponte todo parece solidarizarse co protagonista, pois adquire a mesma sinuosidade que el. A varanda separa os dous ambientes. No fondo da composición pódese apreciar un fiord e dúas siluetas de barcos.

Contido

Munch quixo reflectir nas súas obras os recantos máis ocultos da alma humana. Os seus cadros partían do principio de que, se a auténtica realidade (a interior) non se corresponde coa palpable, había que adaptar esta última para poder exteriorizar o que levamos dentro. Así pois, O berro é un reflexo do mundo interior do artista que entronca coa soidade do ser humano na civilización moderna.

A escena, co fiord ao fondo, desenvólvese nos arrabaldes da cidade de Cristianía, un dos lugares favoritos da burguesía local e das parellas de namorados, que ían pasear alí os domingos. O autor converteu este lugar idílico nun pesadelo.

A raia verde (ou Madame Matisse)

Título: A raia verde (ou Madame Matisse)
Autor: Matisse, Henri (1869-1954)
Cronoloxía: 1905
Estilo: Fauvismo
Técnica: Óleo
Soporte: Lenzo
Localización actual: Statens Museum for Kunst, Copenhague

Como el mesmo recoñeceu, o destino de Matisse non era ser pintor, senón ser fillo dun comerciante de sementes ao que tiña que suceder no negocio. A súa delicada saúde frustrou os plans paternos: unha apendicite deixouno na cama durante case un ano e a súa nai regalóulle unha caixa de pinturas.

Tema

Retrato da muller de Matisse.

Elementos plásticos

Matisse representa sensacións ou vivencias a través do vigor cromático e dá vida e luz propia ao cadro mediante os contrastes. Consegue a exaltación cromática empregando o vermello e as tonalidades alaranxadas, e enfrontándoas ao seu complementario, o verde, que ocupa a zona central do rostro e, nun ton máis austero, o fondo correspondente á parte dereita da cara. A elección das cores é arbitraria, pois non se corresponden, evidentemente, coa realidade. As cores, intensas e saturadas, están distribuídas en áreas planas, sobre todo nos fondos; na muller están trazadas con pinceladas soltas pero sempre seguindo unha orde ou ritmo que lle dá sentido á imaxe.

Composición

En A raia verde aparece a dona de Matisse captada de medio busto, cara arriba e co rostro levemente ladeado. Malia a intensidade cromática, a obra transmite tranquilidade. O artista simplificou as formas da súa muller, reducíndoas ao que é simplemente esencial, sen deixar nada gratuíto. A raia verde non está situada de forma arbitraria: amosa, no rostro feminino, a separación entre o espazo iluminado e o sombreado. En lugar de pintar de xeito convencional un lado escuro e o outro iluminado, Matisse traduce a luz a cores, de xeito que o lado de tons fríos simula a parte en sombra e o lado de cores cálidas, a iluminada.

O fondo chama a atención, no seu rexeitamento das harmonías tradicionais, polos tons verdes, laranxas e violetas. A contraposición de cores produce un avance e un retroceso das superficies, creando un ritmo que suxire volume e profundidade.

Contido

A intención de Matisse ao pintar este cadro non era reflectir o rostro da súa muller, senón reproducilo tal como el o vía. A premisa de Matisse era "sinxeleza, claridade e tranquilidade" e sempre a acatou. Xogou coas cores, coas curvas e as contracurvas para que a súa pintura conseguise o seu principal obxectivo: ser un pracer.

Download

PDF Word HTML