Análise do Poema de Rosalía de Castro: Soidade e Emigración en Follas Novas
Análise do poema de Rosalía de Castro
Este poema de Rosalía de Castro pertence á súa obra Follas Novas, publicada en 1880. Este libro é posterior a Cantares Gallegos, que data de 1863 e marca o inicio da etapa literaria denominada Rexurdimento pleno. Rosalía é a autora máis representativa das nosas letras neste século, tanto pola importancia literaria e cultural das súas obras a nivel da nosa lingua, como pola calidade e transcendencia das mesmas para a literatura universal.
Estrutura e métrica
A composición consta de 22 versos, na súa maioría octosílabos con rima asonante nos pares, quedando libres os impares. Sería, polo tanto, un romance. Rosalía bota man neste relato desacougante sobre as consecuencias da emigración de varios recursos para remarcar a sensación de soidade: a repetición da palabra soia (anáforas) ou a presenza de léxico marcado negativamente.
Lingua e puntuación
A autora reflicte nos seus poemas o galego falado e coloquial. Tamén cabe remarcar a puntuación do texto: os puntos suspensivos, a exclamación e a interrogación indirecta reforzan a sensación de exposición entrecortada, dominada pola emoción.
Partes do poema
Dentro do poema, que ten como tema a soidade dunha muller provocada pola emigración, pódense distinguir varias partes claramente diferenciadas; unha proposta de estrutura sería a seguinte:
- Primeira parte (versos 1 a 8): o falante lírico expón a súa situación de soidade.
- Segunda parte (versos 9 a 16): aparecen o grilo e a rula como confidentes da súa pena.
- Terceira parte (últimos seis versos): a emigración fica suxerida como causa da ausencia do seu home e a desesperación ante un incerto futuro.
Conclusión
Como conclusión, dicir que este poema, incluído na parte “As viudas dos vivos e as viudas dos mortos” de Follas Novas, representa precisamente iso: a historia desesperada dunha viúva dun vivo, unha muller que sente como a soidade se apodera dela e que denuncia de xeito indirecto as circunstancias que provocaron esta situación. Rosalía adopta unha vez máis o punto de vista dunha muller para formular unha denuncia das condicións de vida na Galicia do século XIX que provocan que a emigración sexa a única saída. O tema social actúa como unha especie de fondo do cadro (non exento de importancia, máis ben todo o contrario) dos sentimentos da muller, que constitúen o verdadeiro tema do poema: o sufrimento da emigración.